lunes, 26 de diciembre de 2011

A VÍBORA: necesidade de aprendela.

Os xogadores de club en niveis xa intermedios temos a necesidade de inluir no noso catálogo de golpes de ataque a víbora: por dificultar a defensa do contrario e por proporcionar seguridade e control ao noso xogo. No noso caso aínda é máis importante, non só porque temos xogadores aos que se lles atraganta o remate alto, potente, de definición. Tamén porque xogando en exteriores ás veces as condicións climatolóxicas e sobre todo o vento o ás bolas molladas fan que o smash sexa menos definitorio.
Trátase dun golpe pois a medio camiño entre a bandexa e o smash. Cumpre estar vivo de pernas para situarse detrás da bola, xirar a perna dereita ata unha posición retrasada (os zurdos a esda.) para apoiar de saía o peso sobre ela, a pala detrás da cabeza, o brazo dereito en semiextensión -erro frecuente: extensión total- e a man esda. apuntando á bola, flexión pronunciada de pernas e golpeo da bola no punto que marca na esfera do reló as 5, cando baixa, á altura da cabeza y situada ao lado dereito do noso corpo, para dirixila golpeando cun movemento pronunciado cara adiante a dúas paredes ou á parede de fondo, de donde saíra rasa de todo. O corpo, despois do golpeo, desprázase por inercia na dirección da bola e a pala, despois de dar un golpa tan acompañado remata a traxectoria á altura do hombro esdo.

viernes, 23 de diciembre de 2011

CRAVAR A VISTA NA BOLA. Crónica dunha relación de amor

Semella obvio, pero non o é tanto tendo en conta que un 37,3% dos erros non forzados prodúcense por perder de vista a bola no intre de golpeala. Non abonda con vela de esguello ou a vulto. É preciso fixar a mirada para medir ben as distancias e, sobre todo, ter moita conta de axustar o lugar na superficie da pala coa que debemos impactar, o grao de inclinación, a altura, a traxectoria...
Para seguirmos os movementos e os posicionamentos dos contrarios na pista si que é suficiente utilizar a visión periférica, pero para relacionármonos ben coa pelota cumpre mirala aos ollos. Incorporade esta máxima ao voso xogo e experimentaredes, de certo, unha diminución espectacular de erros non forzados.
Miguel Sanmartín aínda vai máis aló na súa relacións coa bola. Cando el esta a facerlle as beiras, a mimala, a acariñala e ela llo agradece, correspóndelle con gabanzas. Mais cando a bola o traizoa, adícalle exabruptos, por dicilo dun xeito elegante. O certo é que todo iso reforza a necesidade do meu amigo de establecer lazos de comprensión entre a bola e as súas propias ferramentas, sabedor de que ela é voluble, lixeira de cascos... de que os seus efectos, intencións, velocidade de achegamento, cambios de dirección, dureza ou suavidade son tan variables como os demais elementos do entorno, e sabedor de que na rapidez e capacidade de lectura de ese entorno como tamén na adaptación repousa a diferencia entre o éxito e o fracaso que se dirime no intre fugaz que é o partido.
A boa nova é que o fracaso é, neste eido, unha noción ben relativa: del sáese con máis coñecementos sobre as debilidades e fortalezas que un mesmo atesoura.


martes, 20 de diciembre de 2011

XOGO DE INTENSIDADES: variacións de ritmos e distancias

Logo de escribir o capítulo sobre EMPUÑADURAS EXTREMAS PARA GOLPES INTENSOS desde o fondo da pista, de dereita e de revés, recibín a chamada de algún compañeiro que relataba como xa estaba poñendo en práctica nuns partidos de ranking o cañoneo con moi bos resultados. E pensei ¿E se o meu artigo lles está a ocasionar un dano irreparable na súa proxección de futuro?. (Ben, non quero dicir que estas modestas reflexións sexan a Biblia pero sempre pode haber algún incauto que nos faga caso de máis. Iso é bo).
A intensidade no golpeo de dereita e de revés é un arma só útil fronte a adversarios de nivel inferior dabondo ao noso. Se non imos sacar a bola fora da cancha nun remate ou a traela á nosa pista, a fortaleza no golpeo é un farol no póker, un recurso que se volve contra nós: dámoslle sempre a opción de atacarnos á saída da parede con grande vantaxe.
Para minar ao contrario a cousa vai de non cometer erros, insistir coas bolas brandas e baixas coas que eles non teñas opción de gañar metros ou atacar. Se vedes partidos de PPTOUR, tendes aí un recital de paciencia deixando bolas ben suaves a morrer nos espazos baleiros unha e outra vez ata que un dos catro xogadores non aguanta o compromiso e levanta un pouco ou a deixa curta de máis, ou forte de máis sen sacala da pista, propiciando unha situación de achegamento e, ao fin, remate do contrario.
En fin, o pádel é música, ritmo interpretado pola unidade corpo-mente flexible, atenta, centrada no presente para anticiparse ao futuro, de acordo cunha sinfonía composta por sons nidios, cadencias acordadas e ocupación intelixente dos espazos, todo obedecendo a un plan estratéxico flexible, susceptible de cambiar para dar respostas ás esixencias do momento.


viernes, 16 de diciembre de 2011

Empuñaduras de dereita e revés

TÉCNICA

Golpes de fondo, de ataque

Nos golpes lonxe da rede, de dereita e revés, coa intención de imprimirlles dirección, control e potencia para manter o rival á raia, pór a proba a súa dixestión da velocidade de bola e, en definitiva, facilitar a nosa conquista de metros ate posicións de volea e remate.
En ambos casos hai unha empuñadura común de partida: a continental, que nos facilita un armado rápido e suxeición firme dende niveis de aprendizaxe.
Mais na transición á excelencia debemos dominar empuñaduras máis extremas: ESTE DE DEREITA E REVÉS -o oeste sería demasiado forzado e provocaría que os nosos tiros foran contra a rede-.
Con empuñadura este conseguiremos aínda meirandes aceleracións e sobre todo que a bola bote pouco e corra máis. Para executar ben estes golpes é importante dramatizar máis a flexión das pernas, que a articulación do cóbado sexa máis libre e estar moi atentos á nosa dominancia visual para evitar golpear a bola a unha distancia non axeitada. Tamén é importante rematar ben o golpe, con traxectoria ascendente pero tendo conta no momento do impacto de pechar uns graos para frotar a bola mínimamente, nun efecto de falso liftado, ate axustar altura e profundidade.
No noso club podemos, con lixeiras variantes, sinalar unha execución sobresaínte de estes dous golpes nos seguintes xogadores:

Golpe de revés: Pablo López, Santi Casal, Belén Argüelles, Carolina.
Golpe de dereita: Ronald Álvarez, Miguel Sanmartín, Betty Romera, Jorge Couceiro, Manu Edreira.

Non é casual esta elección. Para a execución de golpes que requiren variantes nas empuñaduras é obvia a vantaxe de telas aprendido coa raqueta longa, onde a distancia da bola respecto da man multiplica as variantes e as necesidades de adaptar o golpeo a un habano de situacións nun espazo moi amplo.

(Iremos vendo detalles máis adiante).


viernes, 9 de diciembre de 2011

AS LESIÓNS MÁIS FRECUENTES

ROTURA DE FIBRAS NOS XAMELGOS

a) Situacións: posta en acción, arrancadas violentas, saltos en vertical, saídas de parede.

b) Factores facilitadores: peso elevado, falta de tensión, quencemento insuficiente, xesto mal acompañado por toda a biomecánica, fibra moi estriada.

c) Prevención: estiramentos, quencemento, vendaxe funcional compresivo de polímero, pomada quente, plantilla de Mueller con efecto de descarga e facilitadora da posta en acción, dieta rica en magnesio.


TENDINITE ROTULIANA

a) Situacións: flexión pronunciada e reiterada de pernas, multisaltos en vertical e en profundidade.

b) Factores facilitadores: sobreuso, sobrecarga, exceso de horas de pista, actividade sobre chan duro, calzado inadecuado: duro, gastado, de perfil contrario ao tipo de pisada. Exceso de peso, roupa de abrigo que non dea soltura ao nivel do cuadriceps, rótula e inserción tibial.

c) Prevención: zapatilla con boa amortiguación e indicada para o tipo de pisada , fortalecemento do cuadriceps, cinta rotuliana.


Literatura: respecto das zapatillas teño visto a xogadores/as que engaden a un calzado que dispón de boa amortiguación unhas plantillas mitigadoras dos impactos, tipo Sorbotone. Dende o meu punto de vista baseado na experiencia, é contraproducente: os músculos e os tendóns, tódalas insercións nas articulacións precisan desenvolver a aprendizaxe de reacción fronte aos impactos e liberar, de volta, a enerxía recibida. Con un exceso de acolchamento ese aprendizaxe e esa reacción natural non se producen e increméntase a indefensión fronte ao caso de experimentar puntualmente impactos maiores dos habituais.
Na meirande parte dos casos é a xenética a que predetermina o desenvolvemento, cos anos, das tendinopatías rotulianas. Aquí cumpre referírmonos ao Osgood Slatter desatendido en fases de crecemento: a inserción da tibia na patela rotuliana rexistra microfragmentacións óseas que, aínda sendo reabsorbidas polos tecidos brandos co tempo derivan en calcificacións que fan perder a elasticidade do tendón. As veces compensa un peiteado cirúrxico a ese nivel.
En próximos capítulos falaremos de outras lesións tamén frecuentes e inhabilitadoras en maior ou menor grao: fascite plantar, espolón, rotura de tendón de Aquiles e roturas parciais ou totais de menisco e ligamento lateral ou cruzado.

Caso aparte pola súa especificidade respecto do mundo da raqueta, a pala e os paos de golf é o da tan común TENDINITE a nivel de OMBREIRA, CÓBADO E PULSO.
Aquí xoga un papel ben primordial o aspecto da ortodoxia técnica. O revés e o remate (e o saque no tenis) executados de xeito pouco natural favorecen a exacerbación da lesión a nivel de Cóbado e ombreira, se ben a saída do tendón dos soportes de graxa na ombreira ten máis que ver co remate alto mentres a epicondilite de cóbado está máis relacionada co revés. O pulso perdoa pouco tódolos golpes sucios e tamén a violencia da dereita contra bolas sen presión, ou molladas... os restos de revés forzado, as ferramentas en mal estado (palas rotas, cordas con moita tensión...). Con carácter xeral é primordial que o agarre non sexa nin excesivamente prensil nin frouxo de máis. Nel deben participar tódolos dedos e o abrazo da palma con apoio na zona hipotenar.
O cóbado é unha articulación ceibe nos humanos. Este concepto convén traballalo ben e moito nas clases de volea alta de revés. Hai verdadeiros armarios de cen quilos de peso e biceps e triceps coma os de Silvester Stallone aos que lles corre a bola catro veces menos que aos alevíns nenos e nenas de trinta e cinco quilos que adestra a equipa de monitores da nosa escola. Sobre todo na volea alta de revés, onde decide a articulación libre do cóbado para describir ben en parábola ben en baixada en plano oblicuo e cortado un golpe no que a aceleración e determinante: trinta e cinco quilos proxectados sobre un resorte que acelera a setenta por hora fronte a cen kilos dos que pendura, como illado do corpo, un brazo que a duras penas obedece ordes.
En definitiva, os bos xestos son a mellor prevención fronte ás lesións.
Finalmente, cumpre lembrar que ás veces non queda outra que parar. Cando nin os antiinflamatorios -con moitos efectos secundarios- nin as vendaxes e ungüentos, nin o fortalecemento dos grupos musculares logran aliviar un cadro xa instalado, hai que mudar por un tempo a orientación da actividade física por ver se é posible evitar a cirurxía, que é o recurso cando os anteriores non o foron dabondo.






© Santiago Casal Quintáns
© Padel Oleiros

jueves, 1 de diciembre de 2011

PADEL E CRISE

Se a situación económica e moi grave a cousa pasa por practicar actividades custe 0: camiñar, correr, facer ioga, meditación transcendental ou andar a piñas cos colegas.
Mais se a cousa vai de recortes suaves a práctica do pádel non ten por que ser onerosa. Cumpre non deixarse levar por ditados interesados de marcas e clubs de elite e ter unha conciencia clara de que o que nos atrae é xogar deixando outros argumentos para a elección de cada que despois do paso pola pista.
Quero dicir: non toleemos. Hai palas caralludas, modelo ano anterior, por cincuenta ou sesenta euros. A roupa non se gasta apenas, por non haber contacto co contrario. As zapatillas duran máis que en calquera outra práctica, por mor da brandura da superficie. Unhas moi boas zapatillas de cincuenta euros veñen a durar máis de un ano xogando tres veces por semana en sesións de dúas horas. E respecto das pelotas... aquí si que me custa gardar a compostura. A televisión e os torneos fan estragos, pois contaxian unha actitude, mimética, de andar a abrir un bote novo decote. ¿Como é iso? Coa presión que teñen unhas pelotas ben elixidas -aquí o barato e caro- temos subministro para tres sesións polo menos, sobre todo cando xogamos pachangas con menos tensión.
Logo está a elección de club: ¡¡¡¡¡se xogamos máis de 60 horas ao ano xa nos está compensando abonarnos a un club e coa cota xogar centos!!!! Iso individualmente, porque se somos familia o de xogar alugando horas tódolos membros sairía por un ollo da cara.
Por último está o gasto derivado das lesións en pomadas, fisio e xénero protésico. Todo por unha mala praxe: é importante intercalar os días de pista con outros de preparación física de base: interval training, fartlek, carreira continua, ximnasia activa ou pasiva, ioga, alongamentos, potenciación muscular... pero, sobre todo, mellora da resistencia orgánica. Un bo grado de osixenación fará que tomemos as decisións dentro da pista máis axiña e tamén que poidamos asumir que ir a tres sets non é unha condena a morte.



martes, 22 de noviembre de 2011

¿FORZA OU CONTROL?

E logo, ¿hai que elixir?, diría algún xogador crendo ser experto.
O certo é que non sempre é doado sacar a bola da pista, por máis que a nosa posición sexa de dominio: voleas baixas, tardanza en subirmos á rede, golpes de execución forzada, situacións nas que chegamos tarde... Só os incautos que queren coller atallos para ser mestres golpean con furia desatada tódalas pelotas que queren aterrar no primeiro terzo do propio campo. Xa non digamos se esas bolas son máis profundas e, a pesares de todo, o noso compañeiro persevera na obsesión do smash permanente.
Mesmo os Lampertis saben que un cambio de velocidade no golpeo da bola é un arma a miúdo máis letal que o bombardeo sistemático. ¡Ai que gustiño dan eses envíos suaves, mellor aínda se son a contrapé, que rematan por morrer alí onde non chega nin a Karcher do Ronald! A ver, ¿somos forza bruta ou intelixencia?. Podemos ter moito do primeiro pero a materia gris é a que nos leva, no menor tempo posible, á mellor elección. Nese intre non teñen lugar nin a vaidade -moitos queren presumir mesmo de virilidade a partir da enerxía dos seus golpes ¡!- nin a improvisación: se algo non che sae adestrando non esperes a facelo en competición. Os experimentos con gaseosa non teñen cabida na hora e media no que cada xesto importa.
Por tanto e para que tódolos que non son aínda mestres diríamos que o primeiro e metela e logo darlle máis forza a medida que conservemos o control sempre e cando a estratexia o demande. En caso contrario, hai que centrarse en mandar a bola suave a terra de ninguén. E logo dar media volta con parsimonia á posición de saque, alleo aos posibles comentarios dos contrarios que só buscan confundirnos cos seus halagos, ou distraernos coas súas blasfemias.
Outro día máis.



martes, 8 de noviembre de 2011

O PÁDEL COMO ESCOLA DE VALORES

O pádel non é só unha actividade deportiva. Aglutina unha serie de valores que o converten nun depósito de ingredientes beneficiosos na vida do practicante:
1)Fomento do contacto social
2)Relativización das “derrotas”.
3)Valoración da superación persoal.
4)Confraternización a partir da conveniencia de pórse no lugar do outro.
5)Agudización do “sexto sentido”: a intuición como suma das experiencias pasadas para mellor analizar o presente.
6)O pádel afina os reflexos: hai que analizar e tomar decisións no menor tempo posible.
7)Condiciona rutinas de vida sana e coidado do corpo para dar o mellor de un mesmo.
8)Favorece a focalización no presente, a atención no “aquí” e “agora”.
9)Fomenta o pensamento positivo, a propiocepción, coa bagaxe de puntos positivos e fraquezas.
10)Incrementa a obxectividade na análise das capacidades de seu.
11)Outorga oportunidades de transformación persoal, superando determinismos e limitacións.
12)Establece elementos de aparente sorpresa que non o son de certo, pois obedecen a un traballo cotián ou á configuración ao longo do tempo dun grao de intelixencia, coordinación, sentido da estética, capacidade e sufrimento, de concentración que axudan a ir de “tapados” a seres humildes capaces de funcionar a unha altura superlativa en momentos chave.
13)Concede liberdade, iguala en oportunidades, illa do entorno, fai humildes aos soberbios e orgullosos aos humildes.
14)Ensina que para medrar no pádel é decisivo ser sensible ao entorno, captar a realidade, percibir que arredor de nós hai vida máis alá e que esa vida é ben heteroxénea, e nós temos moito que interactuar para que o mundo sexa un lugar máis habitable.

Por todo iso e por moito máis O PADEL É UNHA ESCOLA DA VIDA.


martes, 18 de octubre de 2011

DECÁLOGO PARA ENFRONTARSE A RETOS IMPORTANTES

-Xogar aos espazos baleiros, onde non hai ninguén.
-Facer ben o que se sabe facer ben
-Descubrir os puntos febles do contrario e traballar teimudos sobre eles
-Sen detrimento do control, acelerar máis e máis no servizo contra o punto feble
-Atención, atención, atención.
-Moverse sen rixideces, en flexión, e coa vista preto da pelota no intre do golpeo
-Anticipación: pensar por adiantado no mellor golpe posible segundo as propostas dos rivais
-No dar síntomas nin sinais de debilidades
-Estar mentalizado para unha loita prolongada
-Atopar satisfacción na boa execución técnica

E como resumo,


-Sede creativos, tirade de variedade de recursos, evitade ser previsibles, ¡Divertídevos!


sábado, 8 de octubre de 2011

A ALIMENTACIÓN AXEITADA PARA OS DEPORTISTAS

Algúns datos básicos:

Aconsellables: Pan, cereais, arroz... integrais. Azucres complexos e de absorción lenta: mel.
Perxudiciáis: graxas saturadas, hidroxenadas, manteigas de cocho, aceites de palma, azucres industriais brancos...

As patacas sempre cocidas. Hai que escaparlle ás fritangadas. Hoxe hai pranchas eléctricas moi cómodas para cociñar sen aceites degradados ao seren sometidos a temperaturas altas. O único xeito de aproveitarse das propiedades do aceite e tomando do virxe, nunha tostada de pan integral ou aliñando as ensaladas ou verduras. Por certo, entre estas hai algunhas que producen flato e retardan a dixestión: coliflor, repolo, coles de Bruxelas. Evitádeas sobre todo un día de moita esixencia na pista.
Coa froita e son da idea de que depende de cada organismo e tamén do grupo sanguíneo establecer cal vai ben e cal non. De feito hai persoas que non metabolizan ben o azucre (fructosa) e non a proban. Ben, non pasa nada sempre e cando obteñan as vitaminas das hortalizas. Pero como regra xeral e de sentido común froito da experiencia non ven a conto tomar a froita verde, ou pegarse un atracón monotemático -por exemplo de figos- por moi sans que parezan, pois todo en exceso e malo e máis coa cantidade de azucre que teñen. Eu tiña un compañeiro no Clube Universitario Atlético que tomaba cinco quilos de laranxas o día da competición para provocarse diarrea. Dicía que ía máis lixeiro. En calquera caso como precisamos evitar os picos de glucosa -as temidas paxaras- durante a competición e tamén as caídas de sales minerais, son importantes os froitos secos, as barriñas de cereais integrais con mel, etc. Pero Ollo, que non teñan azucre branco. Hai pouco xogamos no Club de Golf un partido Pablo López e eu; na parella contraria, un dos xogadores empezou hiper-revolucionado para caer na depresión física dun xeito repentino. Argumentou, sorprendido, que comera moi lixeiro e máis dous doces. Velaí estaba a resposta: o azucre branco e gasolina explosiva; pídelle ao páncreas un chorro de insulina para ser metabolizada, e cando remata o seu traballo aínda queda insulina no torrente e o que non hai é azucre.
Hoxe as técnicas alimentarias cos deportistas deixaron de incidir só na importancia dos hidratos para recoller tamén a das proteínas como sostén das constantes vitais durante os períodos de forte demanda. En todo caso, sempre incidindo na importancia de que os hidratos produzan enerxía de liberación sostida e as proteínas non produzan na súa asimilación un caudal de sustancias para seren eliminadas que requira un custe en enzimas dixestivas inconmensurable: ex. Chourizos criollos, ou costeletas fritidas en aceite. A proba do algodón: ver si despois de comer estamos tan cansos como si viñeramos de traballar na mina ou ben sentímonos lixeiros e con renovadas enerxías.
O de beber moito leite para ter os osos fortes e con moito aporte de calcio é unha mensaxe interesada da industria. E máis, o leite acidifica o sangue, e o organismo, para poñer o contrapunto alcalinizante e manter un equilibrio ácido base no sangue, detrae o calcio dos osos. E o mesmo que pasa cando comemos pastas brancas ou carnes graxas. A medicina natural dispón dunha ferramenta terapéutica: alcadrín. Pero tamén podemos tomar fermentados a partir do leite: yogur, requeixo, actimeles... prebióticos que enriquecen a flora bacteriana intestinal, e que si están enriquecidos con fósforo si que aportan moito calcio.
En fin, peixe e carne magra á plancha ou cocida, e ovos aportan proteínas e aminoácidos esenciais. Mais as ricas en graxas saturadas, afumadas, salgadas atouciñadas, con rebozos feitos a base de fariñas... son velenos.

O máis san e beber auga. Pero unha cervexa ao día ou dous vasos de tinto non fan dano. A cervexa ten vitaminas B, pero ollo porque en exceso dispara os triglicéridos e descalcifica. O viño é rico en antioxidantes e por tanto axuda a metabolizar as graxas, pero en exceso volve o fígado graxo, eleva a tensión arterial, descalcifica e tamén inhibe a formación de coláxeno, propiciando roturas de fibras. Que llo digan aos xogadores de fútbol que viven as noites tolas.
Seguiremos afondando nunha próxima entrega nas dietas segundo o grupo sanguíneo.

martes, 4 de octubre de 2011

A PREVENCIÓN DAS LESIÓNS

A prestixiosa revista “Raquets sports”, dirixida polos eminentes profesores togoleses Ron Ald e Kass All, incide nos factores sine qua non para a evitación na medida do posible das odiosas lesións menores -sempre e cando non existan problemas traumatolóxicos de base condicionantes- : roturas de fibras, tendinites, luxacións, contracturas, que por moi leves que sexan supoñen un problema para a continuidade dun plan de xogo e de competición, sobre todo polo risco de que sexan recidivas.
A revista sinala a importancia de:

–Quentar ben
–Estirar antes e despois do partido
–Hidratarse, empezando a beber denantes de que se acidifique o sangue
–Importancia dunha alimentación variada, probe en graxas saturadas e rica en vitaminas do grupo B, reparadoras do sistema nervioso e do tecido conectivo, e tamén A e C, para a formación do coláxeno. Unha alimentación que aporte aminoácidos esenciais, minerais, ferro para apoiar unha boa osixenación, e zinc e cobre nas mellores condicións o sistema inmunolóxico.
Estas e outros centos de recomendacións dietéticas son pouca cousa se falla o ingrediente fundamental na pista: A ACTITUDE MENTAL, que se resolve no axioma: “Fai deporte só se tes ganas”.

Semella unha recomendación de perogrullo, mais está apoiada na constatación científica de que a reacción dos músculos agónicos e antagónicos a ordes menos decididas coma son as dos que están na cancha sen ledicia ningunha é máis lenta y a miúdo des-coordinada , a destempo, dando lugar a situacións de conflito e compromiso excesivo entre o que se lle demanda ao corpo e a enerxía que para ese fin se pon a disposición.
No deporte, como en tódalas esferas da vida, é importante a posta a punto e a boa posta en escena dun arsenal de medios posibilista e axeitado ás propias capacidades, aptitudes e, ao fin e sobre todo, as ACTITUDES, que son as que marcan o grado de excelencia no desempeño.

martes, 6 de septiembre de 2011

A POSICIÓN NA PISTA: UNHA CUESTIÓN DE FILOSOFÍA VITAL

Unha boa defensa para propiciar o mellor ataque, ausencia de dúbidas, aproveitamentos das fortalezas propias e das debilidades alleas... A teoría é doada de lembrar, mais non tanto de interiorizar. A actitude mental de estar disposto a gañar apoiase sempre en cuestións máis fondas:
–Confianza nas propias forzas
–Carácter
–Valores
–Filosofía vital
–Capacidade de toma de decisións
–Anticipación
–Visualización...

Quedarse a medio camiño entre o repregue para armar a defensa e lanzar o ataque en situación de vantaxe ten un efecto sempre negativo. A zona vermella no campo e a zona de perigo tamén na mente: aquela que reflicte os medos, os demos íntimos, o peso do pasado freando o dereito e a capacidade para superar os listóns que nos temos imposto nas nosas vidas,
¡Que fácil resulta todo visto desde a barreira!



lunes, 1 de agosto de 2011

Empuñaduras no Pádel

A escola tradicional arxentina e do levante español insiste dende hai vinte anos en proclamar como únicamente válida a empuñadura continental en tódalas facetas do xogo. É unha teoría contumaz e fundamentalista que choca coa realidade coa realidade dos feitos: estou farto de ver a padeleiros que veñen do tenis rebentando bolas con restos desde a T executados con este de revés, ou en subidas é rede a medio camiño atacar bolas altas con voleas de dereita invertidas empuñando con este de dereita ben extremo.
O cal quere dicir que a riqueza de recursos sempre fai ao xogador máis forte se sabe usala como arsenal potente e favorecer da vantaxe estratéxica e non para suplir a incapacidade de dar golpes planos e rápidos cando é preciso.
En definitiva, o pádel e o tenis non son antagónicos. Esa era outra lenda urbana que hoxe xa temos desterrado desde o coñecemento e a experimentación. Sobre todo aos padeleiros favorécelle moito pasar de cando en vez pola pista de tenis, para ampliar os conceptos de empuñadura e tamén para tomar conciencia de amplos percorridos e ángulos moi difíciles de cubrir. Logo, na pista de pádel, todo semella máis doado e, sobre todo, máis a man.

PREGUNTA: ¿Tipo de empuñadura de Sebastián Lafón neste golpe de revés executado na final mixta do Torneo Pavigrass?

martes, 19 de julio de 2011

FELICIDADE E SAÚDE


(Fonte: “El médico interactivo”)


Los problemas de salud están menos presentes en las personas más felices, a excepción de las alergias y los dermatológicos

Redacción

Se presenta el estudio ‘La Felicidad y la percepción de la salud’, realizado por el Instituto Coca-Cola de la Felicidad y la Universidad Complutense de Madrid

...Las personas que se sienten más contentas y positivas perciben que su estado de salud es mejor, en contraposición a aquellas que son menos felices, que tienden a tener más presente los problemas físicos y psicológicos que les afectan [...] todos los problemas de salud están menos presentes en el grupo de personas más felices, a excepción de alergias y problemas dermatológicos.

El apoyo social, y en concreto, la familia y los amigos, actúan por otro lado como factor protector y amortiguador ante los problemas de salud y los momentos complicados [...]

Según el informe, los problemas psicológicos afectan en mayor medida a la felicidad que los problemas físicos. “Hemos constatado que la salud mental es un componente igual o más importante que la salud física en la percepción de la propia salud, y que los problemas de tipo psicológico están mucho más relacionados con la infelicidad que los problemas físicos” [...]
A este respecto, un ejemplo recogido en el estudio, muestra que la proporción de tener una depresión en el grupo de personas más felices es nueve veces menor que en el grupo de los menos felices, y la de padecer insomnio, cuatro veces menor.

Otras de las variables analizadas es el efecto del apoyo social ante los problemas de salud y la salud percibida. A través de las entrevistas realizadas a los participantes en el estudio, se observa que el sentirse acompañado, y en concreto, la familia y los amigos, hacen que las personas se sientan con mejor estado de salud, a diferencia de los que cuentan con menos apoyo. Junto a ello, las personas que se sienten arropadas preservan en gran medida su nivel de satisfacción cuando sufren un problema de salud.

En opinión de Josep Mª Serra-Grabulosa, profesor del Departamento de Psiquiatría y Psicobiología Clínica de la Universidad de Barcelona, “la evidencia científica sobre la influencia de la felicidad en la salud está aumentando en los últimos años. En concreto, existen estudios que han evaluado positivamente la relación del bienestar y la felicidad con respecto al sistema inmunitario, a nivel neuroendocrino, o en relación al área cardiovascular”. Según este especialista, es necesario que la ciencia continúe investigando en otras áreas, como la ambiental, y profundice en la forma de favorecer nuestra salud desde la felicidad y el bienestar, y en como es posible influir en la propia felicidad desde un estado de salud óptimo.


A práctica de afeccións compartidas, a relación social, o sentimento de integración nun grupo son elementos indispensables para unha vida harmónica. O home e a muller son seres sociais.

domingo, 17 de julio de 2011

TORNEO PAVIGRASS EN CANABAL

Hoxe nas finais do torneo Pavigrass que ven de desenvolverse en Canabal durante dúas semanas púxose en evidencia o que xa sabíamos: que para pechar os momentos importantes cunha victoria o factor da concentración e a boa disposición para perseguir o triunfo pesan máis que a mera calidade técnica e, por suposto, que a estética. Nos tres partidos púxose en evidencia que a competición concentra en unha hora e media toda a esixencia posible de focalización nun obxectivo. E salta á vista quen está mais disposto e quen menos. Hai grandísimos xogadores e xogadoras que son tales ata a semifinal aos que lles costa máis aguantar a presión dunha final. Nótase: na mecánica de golpeo, o plano do corpo atrasado no intre de golpear, a xestualización escasa ou negativista, a mirada ausente, a falta de comunicación coa parella... nótase porque non se destila sensación de estar a pasalo ben na pista. Se isto sucede sempre con algúns xogadores/as dicimos que lles falta madeira, e isto e un obstáculo, unha barreira que impide dar un salto cualitativo. Soe ten que ver co carácter e tamén con estigmas ou traumas do pasado que afloran a modo de obsesións e freos diante de probas de grande esixencia. E nese punto onde, se fora preciso ou rendible se fai aconsellable a intervención dun psicoterapeuta que hoxe semella poder contratar só o staff técnico de deportistas de elite. Pero se sucede aleatoriamente dicimos que fulanito non ten o seu día, e iso pásalle a todo o mundo; non é tan grave. Porque días mellores e peores témolos todos e porque no reparto dos minutos de gloria balancease un grao de interese que doutro xeito non existiría. Por tanto, parabéns a todos os que quixeron dar o mellor de si mesmos neste magnífico I TORNEO DE PADEL PAVIGRASS.


sábado, 16 de julio de 2011

O meu primo Cesáreo

Tiña (finado en 2008) eu un primo, Cesáreo, que emigrara a México cando España só exportaba melóns e alpargatas. Na capital federal entrara a traballar nunha consultoría que asesoraba a empresas dirixida por asturianos. A mellor virtude de Cesáreo era a confidencialidade. Con iso suplía a súa absoluta carencia de habilidades ou coñecementos profesionais. Porque ao xefe o que lle gustaba era telo de escoitador e contarlle as súas fazañas deportivas e sexuais. Un día de corenta e cinco graos que foran dar conta de dúas caixas de coronita acompañadas duns pratos de saltóns churruscados o xefe díxolle que fixera o amor con catro mulleres durante toda a noite e logo chamarao o príncipe de Hohenloe para xogar con el o Torneo de Pádel de Cancún, no que chegaron á final, desputada contra unha parella que logo sería campiona do mundo. Entre rolda e rolda -contaba- os xogadores eran agasallados con Chardonnay e langosta, servidos na intimidade de reservados, por mulleres espidas expertas nunha novedosa técnica de masaxes reparadores aplicados co corpo bañado en aceites orientais.
Por iso cando o Cesáreo me preguntou nas festas de Pastoriza que si no meu club -Canabal- cando practicabamos o pádel gozábamos de ingredientes desa índole non tiven máis remedio que dicirlle a verdade. E gustoulle tanto que durante os dous anos que lle quedaban de vida adquiriu a única destreza da súa existencia e estableceu lazos sociais que o salvaron de caer na depresión aínda non momentos máis duros. E con birras nos terceiros tempos no lugar do Chardonnay e o masaxe da brisa mariña templándolle os humores.


viernes, 8 de julio de 2011

BIOTIPOS NO PÁDEL

Un deporte que arrasa entre as mulleres.

A musculatura máis importante no pádel e a do cerebro. Así como no tenis a estatura media dos top cen e de 1,87 para os homes e de 1,73 no caso das mulleres, no pádel redúcese a 1,77 para os homes e 1,68 para as femias. Por contra os xogadores de pádel presentan un índice de masa corporal de 26,5 nos Homes e 24 nas Mulleres fronte aos 24,8 e 22,4 na esfera do tenis.
Conclusión: os padeleiros/as non soen ser moi altos, o cal lles permite chegar ben ás frecuentes bolas baixas e tamén ser máis rápidos nas saídas de parede e subidas á rede. A musculatura é híbrida entre estriada e alongada, con dominancia da primeira nos homes e da segunda nas mulleres. Unha pequena presencia de adiposidade non penaliza o bo desenvolvemento na pista. Temos exemplos ilustres dilo no TOP 10 de Galicia. De feito unha das mellores parellas do momento está formada por dous pesos pesados; iso si: teñen unha man prodixiosa e unha colocación na pista impecable.
Ao primar máis a rapidez e a boa coordinación que a forza, o certo é que resulta ser unha actividade que, como o Balón volea ou o tenis de mesa, favorece de xeito diferencial o crecemento harmónico do corpo feminino. As pistas están cheas de exemplos que confirman esta tese. Por tanto, esa función escultora do corpo é outro dos grandes atractivos do deporte da pala entre as damas, e unha clave máis do seu éxito.

martes, 5 de julio de 2011

O CONFLICTO ENTRE BANDEXA E REMATE (Defensa da alegría)

É importante saber elixir entre bandexa e remate tendo en conta non só o obxectivo buscado co golpe senón tamén a nosa capacidade para executalo correctamente dependendo da nosa posición no tapete.
En xeral o de rematar desde o fondo da pista para traer a pelota de volta ao noso campo e algo que poucos xogadores poden facer con frecuencia. Por tanto, lonxe da rede aumenta a necesidade de desenvolver recursos entre unha bandexa ben orientada e os remates con variedade de efectos.
Fronte a obcecación, propia de xogadores ben atrevidos, polo remate está o caso contrario: a elección privativa da bandexa onde debería executarse unha volea gañadora ou mesmo unha saída por tres ou por catro metros. Esta actitude xa de falta de atrevemento, de encollemento do brazo, é moi frecuente entre xogadores de carácter feble, que teñen máis medo a perder que convicción nas súas posibilidades de triunfo.
Bandexear a un metro ou dous da rede no canto de volear ou rematar definitivamente denota unha pusilanimidade que antes ou despois acaba por inclinar a balanza en favor de contrarios algo máis resoltos. Gañar é, antes ca nada, unha cuestión mental, un xeito de ser, unha filosofía da vida. O medo a facelo reflicte un conflito da personalidade, alimentada polo medo á liberdade, a ser un mesmo, a aceptarse para logo medrar. O deporte e o pádel en particular pode ser unha chave terapeútica para o cambio, para visualizarnos superando obstáculos. Ingredientes precisos: alegría e mente positiva.

jueves, 30 de junio de 2011

UNHA CUESTIÓN DE CONCENTRACIÓN

Un factor diferencial que distingue aos grandes competidores é a súa capacidade de concentración. Atención, atención, atención son as tres normas básicas que segundo Swammi Vishnudevananda son precisas para acadar grados superiores de realización persoal.
No pádel a focalización é precisa tanto nos aspectos técnicos como nos tácticos. Empézase por non perder de vista a pelota, atender á composición xestual, fixarse na propia posición na cancha e na dos demais protagonistas: compañeiro e adversario, atender ao vento, a lonxitude da herba, á altura do bote, ás sensacións coa pala, á actitude dos actantes, os seus cambios de humor a respecto do resultado... atención para percibir as fortalezas e as debilidades, identificar as oportunidades. Atención para xogar por anticipación e non só como reacción; para, dese xeito, marcar o ritmo do partido. Atención para seleccionar o golpe, a empuñadura, o lugar onde dirixir o golpe. E tamén para marcar os espazos de pausa, a mímica, a exteriorización dos humores.
Unha vez xoguei un partido cun compañeiro zurdo e durante todo o encontro non fixeron outra cousa que xogarlle á súa dereita, por certo moi solvente. Ao rematar o partido e xa nos comentarios loubaron o ben que defendía as pelotas ao seu revés ¿? Non se decataran de que era zurdo.
Para rematar, agora no verán, co suor, moitos xogadores desconcéntranse porque non treman ben do grip, aínda que sexa novo. Para solucionalo non hai mellor cousa que anelar os dedos co esparadrapo de tela branca marca leader price (Gadis), que permite agarrar o puño como unha lapa. Un rolo abonda para unha chea de usos.

martes, 28 de junio de 2011

¿UN DEPORTE DE PIJOS?

Polo feito de que Aznar ganara tódolos anos un torneo no Levante hispano tendo de parella a Alberto Rodríguez Piñón non podemos inferir que o pádel sexa un deporte para vantaxistas. Si que é certo que a vaidade é unha paixón motivadora que subxace en este deporte como en poucos. Hai un clima de interese desmedido por mostrar as propias habilidades e falar dos resultados acadados en este ou en aquel torneo. É humano. Os clubs sábeno e saben tamén que teñen aí a súa razón de ser principal como animadores deportivos. Non hai como alimentar esa natural tendencia a que o entorno social integre aos seus individuos en razón da súa capacidade de liderado e tamén de mellora e crecemento.
Bromas aparte e sabendo como sabemos que si hai empanada e cervexa gratis a familia do pádel prolonga aínda máis as súas relacións de tarde de verán, o certo é que o pádel, como calquera outra actividade humana, é unha actividade complexa para cuxa sublimación precisa do meirande esforzo humano e, aínda máis, de talento e carácter. Chegado o intre da competición toda a feira da vaidades importa ben pouco. O que cobra interese e protagonismo principal e o que houbo antes de esforzo persoal e o que hai no presente de capacidade para abstraerse do accesorio e concentrarse no principal: acadar a excelencia. O pádel, como tantas outras actividades nas que o ser humano concentra a súa potencia creativa, aflora como unha escola da vida.

lunes, 27 de junio de 2011

APOLOXÍA DO GLOBO

Os que chegamos ao pádel procedentes do tenis e tiñamos un xogo tildado de conservador porque abusamos do globo para manter máis aló da raia de fondo aos pegadores e aos grandes voleadores, os que non tiñamos vergoña en blandear bolas e poñer a proba a paciencia do adversario con series de máis de vinte golpes, todos eses estamos de sorte cando xogamos na pista de 20 x 10 metros con paredes.
Todo son vantaxes se executamos globos canto máis altos e profundos mellor. En todo caso, aínda supoñendo que os contrarios os devolvan desde o fondo da pista rematando, poderemos estar na rede para volear. Pero as máis das veces atoparemos respostas que nos darán a oportunidade de cobrar vantaxe.
Por tanto desde Padel Oleiros non queda outra que facer unha homenaxe a O GLOBO como un golpe que, se está ben executado de xeito continuado, é merecedor de ser integrado como prioridade absoluta nas escolas de pádel, encontros técnicos de adestradores e, sobre todo, na galería de xestos útiles máis alá dos prexuízos dos que consideran que hai que pegarlle a todo e saír á cancha coma un xabarín do Bierzo.

viernes, 24 de junio de 2011

A ROTURA DE FIBRAS NO XEMELGO

Onte, no Estrella de Galicia, un dos adversarios da parella Luis Torremocha e Pablo López sufriu unha moi dolorosa rotura de fibras nun xemelgo. A sensación no instante da rotura e coma se che deran coa punta dun látego, e logo queima. Mais non hai que sacar as cousas de nai, pois seguindo ben o tratamento, recuperase un bastante ben e logo adquírese cultura para evitar recidivas.
No momento da rotura cumpre aplicar xeo e namentres se é trasladado a un centro médico onde teñen de inmobilizar a perna cun vendaxe compresivo. Ademais será preciso tomar antiinflamatorios. Se sodes hipertensos, decídello ao médico para que elixa o máis axeitado. E recomendable tomalo cun protector gástrico. Dependendo da magnitude da rotura entre catro días e unha semana poderemos empezar a pousar o pe no chan, a modo, calzados con zapato de tacón para que o percorrido do músculo sexa menor ao principio e sempre coa axuda de muletas. E o momento de empezar a rehabilitar. Os primeiros días só podemos recibir ultrasons e láser. Logo, conforme as molestias van desaparecendo, hai que empezar a estirar ata onde non se produza dor e, ao mesmo tempo, ir incorporando a masaxe polo fisio, para evitar a formación de adherencias no tecido cicatrizal, que si lle quitarían calidade ao músculo, con maior propensión as recaídas.
Sempre fiándonos da sensación e evitando a dor, iremos vendo, pode que a partir dos quince días ou en casos máis graves a partir do mes, a posibilidade de introducir exercicios progresivos de potenciación muscular, ata que notemos que a recuperación é total.
Pola miña experiencia, eu aconsello a utilización durante os seguintes tres meses -ou se cadra para sempre- dunha vendaxe de compresión media (valen as medias elásticas que se usan para mellorar a circulación de retorno; téndelas en decathlon, en Runner´s Shop e na Casa do Auga), utilizar de xeito preventivo Radio Salil, Aspitopic, Reflex -calquera deles- e, sobre todo quentar moito e ben. Mais aínda se coméstedes copiosamente o estades xa nunha idade.



miércoles, 22 de junio de 2011

COMO GAÑAR PARTIDOS DE PADEL

Dez consellos para afrontar mellor os encontros de competición

1,-ESTUDAR BEN AO CONTRARIO
2,-EXPLOTAR AS SÚAS DEBILIDADES
3,- FACER BEN O QUE SE SABE FACER BEN
4,- NON PROBAR GOLPES NOVOS O DÍA DA COMPETICIÓN. PARA ISO ESTÁN OS ADESTRAMENTOS
5,-NON ENCOLLER O BRAZO BAIXO NINGUNHA CIRCUNSTANCIA
6,-PROCURAR, COMO MÍNIMO, XOGAR AO MESMO NIVEL CO QUE ADESTRAMOS
7,- XOGAR CADA PUNTO COMO ALGO ÚNICO, SEN MIRAR ATRÁS NIN TAMPOUCO FACER CONTOS DA LEITEIRA.
8,- TER PACIENCIA. CANDO ENTRAMOS NA PISTA É COA DISPOSICIÓN DE PASAR NELA DEZ HORAS SE FORA PRECISO.
9,- A PRESENCIA DOS ADVERSARIOS E UNHA OPORTUNIDADE PARA O NOSO CRECEMENTO.
10,- ESTE É UN XOGO DE PARELLAS. SE AXUDAMOS A MEDRAR AO NOSO COMPAÑEIRO TAMÉN MEDRAMOS NOS E VICEVERSA.

lunes, 20 de junio de 2011

O PARTIDO MÁIS LONGO (A outra cara, amable, do pádel)

Nas estatísticas figura como tal un encontro de dezaseisavos de final celebrado o 27 de Outubro de 2011 no marco do Torneo Social de Oropesa del Mar. Enfrontábanse dúas parellas de sona local que tardaron sete horas e vinte minutos en sacar de dúbidas -a respecto do resultado- aos poucos parentes e familiares que resistían nas gradas.

Varios datos axudaránnos a mellor comprender a natureza da contenda:
-idade media dos participantes: 52 anos
-nº de golpes por xogada: 17,4 (vs. 7,1 media torneos)
-Golpe de Dereita, fondo pista: 9,5% (vs. 7)
-Golpe de Esda., fondo pista: 6,7% (vs. 4,5)
-Bandexa fondo pista: 12% (vs. 9)
-Bandexa medio pista: 14% (vs.5)
-Saída de Globo: 40% (vs.25)
-Voleas na rede: 12% (vs.32)

Distancia media percorrida por xogador/hora: 700 Mts. (vs. 9 Kms.)
Distancia total percorrida nas 7 horas e vinte minutos: 5 Kms e 250 mts.
Calorías consumidas por hora: 280 (total: 1.800)
Calorías ingeridas: en bebidas enerxéticas: 10 x 380...... 3.800
no postpartido: 3.900 co churrasco, 1.500 coa cervexa, e 1.200 coas copas
Balance: + 8.500

DATOS ANTROPOMÉTRICOS E VARIOS DOS PARTICIPANTES

Peso en Kg./xogador: 94 (vs. 75)
Tempo de quencemento: 3' (vs. 12)
Tempo transcorrido desde comida anterior: 1 hora (vs. 3H, 30')

Acceso á práctica: aos 45 anos. Reciben un mes ao ano clases dun monitor ao que logo invitan a unha churrascada.

Extracción social: clase alta. Burguesía acomodada e sen cargas familiares por motivo ningún: 1 militar en excedencia previa á xubilación, 1 prexubilado da Banca, 1 rentista, 1 accionista maioritario dunha empresa de consulting e tamén conselleiro dun banco.
Situación inmediata: de vacacións sen data de finalización.
Aloxamento: adosados en urbanización de luxo, ao pé do mar, 2ª vivenda.


As cousas non suceden porque si. E sempre hai un minuto de gloria agardando a ser vivido por aqueles que están dispostos e atentos.

jueves, 16 de junio de 2011

A ELECCIÓN DE PALA

O criterio máis importante á hora de elixir a pala máis doada para o noso xogo é o da eficacia. Un erro moi frecuente é o de mercar a pala atendendo a factores illados, tomados de un en un, como a lixeireza, a potencia, o control a manexabilidade ou, o que é máis grave, a estética, a marca ou a relación prezo-calidade que anuncian os fabricantes. Mais ao fin o verdadeiramente importante é decantarnos por esa pala coa que acadamos os mellores resultados póndonos a proba na disputa de puntos, sexa en competición real sexa en tests simulados.
Por tanto, cumpre decantarnos por unha ou outra pala despois de probalas ben e nunca mercando por catálogo ou vendo na mesma tenda o cómoda que chega a ser na man.
Convivo a diario con xogadores amargados pola epicondilite, en case que tódolos casos evitable coa axeitada elección da pala e tamén do grip. Unha ferramenta moi lixeira non nos eximirá do exceso de tensión se non despide ou non absorbe vibracións. Unha pala de ataque, co balance adiantado e un peso elevado será un canón só ata que o antebrazo o permita. Un exceso ou un defecto no ancho do grip provocarán un abrazo estresado da man. Por tanto probemos as palas para elixir unha que non sexa ni pesada nin lixeira de máis, que despida ben e que teña un punto doce amplo, e que nos permita golpear tendo a seguridade de que poñemos a bola no lugar onde apuntamos sen necesidade de crispar a musculatura. Sempre haberá unha ferramenta que axudará a mellorar o noso xogo e fará que esquezamos as nosas lesións, e non ten por que custar un ollo da cara.

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...