domingo, 25 de diciembre de 2022

 ¡Deportes para ricos!

 

O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agora dáslle ao mesmo que Aznar e Iván Espinosa de los Monteros. Quen o ía a dicir, un comunista practicando deportes de ricos. Calquera día véxote montando a cabalo”.

-“A cabalo xa me levaba meu pai cando era mestre de escola e tiña que ir de Moalde a Bandeira” -contestei–. 

Sen embargo aquela impertinencia fíxome reflexionar no resto do paseo que fixen só. ¿Deportes para ricos? Todo depende. A ver, si consideramos a práctica afeccionada ocasional de certos deportes considerados para ricos non o son tanto. Se ben é certo que para moitas familias con situación precaria falar de investir cen euros ao mes en xogos deportivos pode resultar mesmo obsceno. 

Todo depende tamén do grao de dedicación ao deporte que se queira acadar. Non é o mesmo a esfera do deporte entendido maís como exercicio físico de carácter lúdico, non competitivo, co obxectivo de mellorar a saúde que, por outra banda, o deporte no que se procura cada día avanzar na excelencia co fin de avanzar na escada competitiva ate chanzos mesmo de privilexio. Tomando como exemplo ese pádel, un xogador cunha dedicación baixa-media pero xa con carácter competitivo gasta de media na Coruña 200 euros ao mes: 120 aluguer de pista (8 sesións/mes a 8 euros sesión de media hora + sete euros fondo común cervexaría), 10 euros mes zapatillas (2 pares x 60 euros c.u. /ano), 10 euros ao mes resto de vestiario e complementos,  20 euros pala (1 pala/ano, 200 euros + grips con sorte), 10 euros pelotas (2 botes/mes a 5 euros c.u.), 4 euros ficha federativa e seguro (48 euros/ano), 10 euros mes inscricións en participacións (sumando liga federativa e torneos privados), 10 euros mes aportación ao club para organización agasallo a equipos visitantes e outros gastos (máis pelotas, adestramentos de club, augas, etc.). E dicir: 2.400 euros ao ano para un xogador de competición principiante, afeccionado de primeiro grado. Ou o que é o mesmo, o importe dunha póliza de saúde anual para un matrimonio cun fillo, xa que estamos a falar de clases medias.

 ¿Quero todo isto dicir que o pádel é un deporte para ricos? Pois depende moito de sopesar o que se quere sacrificar e en función de que obxectivos. Non é o mesmo caso o da nai que frega portais para pagarlle as clases de piano á quen agarda ser concertista no futuro porque ten un don e porque é a vocación da súa vida que perder o norte coa carteira e mesmo pagar clases de pádel a 100 euros/hora pensando en ascender de segunda a primeira categoría provincial de veteranos, pensando en marabillar coas súas habilidades e amortizar sentimentalmente o esforzo económico co acceso a ese minuto de gloria que satisfai a vanidade que non colle no peito. Un camiño este da afección ao pádel que empeza con campionatos na urbanización seguidos de paella, para logo inscribirse no último escalón da liga federada, incrementar os adestramentos -afectando xa á vida laboral e de parella- para acadar a primeira división, empezar a figurar nos cadros de cuartos de torneos tamén provinciais -o teito de cristal-, pasar por tódolos cadros de lesións por defectos de execución, de movemento,  etc e, finalmente, trala falta de correspondencia entre expectativas e resultados, volver ao escalón de onde nunca debería ter saído e atopar de novo a felicidade de xogar sen ocasionarlle un roto ás finanzas domésticas. Todo é unha cuestión de mesura.

Non falaremos desa traxectoria en U no caso de outros deportes para ricos, onde non é factible participar mesmo para eles sen un ou varios patrocinadores importantes: golf, automobilismo, motonáutica, regatas de vela, hípica. Pero aínda aí, os que destaquen será polo balance entre o esforzo aportado e as expectativas racionais de éxito.













No hay comentarios:

Publicar un comentario

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...