viernes, 9 de diciembre de 2011

AS LESIÓNS MÁIS FRECUENTES

ROTURA DE FIBRAS NOS XAMELGOS

a) Situacións: posta en acción, arrancadas violentas, saltos en vertical, saídas de parede.

b) Factores facilitadores: peso elevado, falta de tensión, quencemento insuficiente, xesto mal acompañado por toda a biomecánica, fibra moi estriada.

c) Prevención: estiramentos, quencemento, vendaxe funcional compresivo de polímero, pomada quente, plantilla de Mueller con efecto de descarga e facilitadora da posta en acción, dieta rica en magnesio.


TENDINITE ROTULIANA

a) Situacións: flexión pronunciada e reiterada de pernas, multisaltos en vertical e en profundidade.

b) Factores facilitadores: sobreuso, sobrecarga, exceso de horas de pista, actividade sobre chan duro, calzado inadecuado: duro, gastado, de perfil contrario ao tipo de pisada. Exceso de peso, roupa de abrigo que non dea soltura ao nivel do cuadriceps, rótula e inserción tibial.

c) Prevención: zapatilla con boa amortiguación e indicada para o tipo de pisada , fortalecemento do cuadriceps, cinta rotuliana.


Literatura: respecto das zapatillas teño visto a xogadores/as que engaden a un calzado que dispón de boa amortiguación unhas plantillas mitigadoras dos impactos, tipo Sorbotone. Dende o meu punto de vista baseado na experiencia, é contraproducente: os músculos e os tendóns, tódalas insercións nas articulacións precisan desenvolver a aprendizaxe de reacción fronte aos impactos e liberar, de volta, a enerxía recibida. Con un exceso de acolchamento ese aprendizaxe e esa reacción natural non se producen e increméntase a indefensión fronte ao caso de experimentar puntualmente impactos maiores dos habituais.
Na meirande parte dos casos é a xenética a que predetermina o desenvolvemento, cos anos, das tendinopatías rotulianas. Aquí cumpre referírmonos ao Osgood Slatter desatendido en fases de crecemento: a inserción da tibia na patela rotuliana rexistra microfragmentacións óseas que, aínda sendo reabsorbidas polos tecidos brandos co tempo derivan en calcificacións que fan perder a elasticidade do tendón. As veces compensa un peiteado cirúrxico a ese nivel.
En próximos capítulos falaremos de outras lesións tamén frecuentes e inhabilitadoras en maior ou menor grao: fascite plantar, espolón, rotura de tendón de Aquiles e roturas parciais ou totais de menisco e ligamento lateral ou cruzado.

Caso aparte pola súa especificidade respecto do mundo da raqueta, a pala e os paos de golf é o da tan común TENDINITE a nivel de OMBREIRA, CÓBADO E PULSO.
Aquí xoga un papel ben primordial o aspecto da ortodoxia técnica. O revés e o remate (e o saque no tenis) executados de xeito pouco natural favorecen a exacerbación da lesión a nivel de Cóbado e ombreira, se ben a saída do tendón dos soportes de graxa na ombreira ten máis que ver co remate alto mentres a epicondilite de cóbado está máis relacionada co revés. O pulso perdoa pouco tódolos golpes sucios e tamén a violencia da dereita contra bolas sen presión, ou molladas... os restos de revés forzado, as ferramentas en mal estado (palas rotas, cordas con moita tensión...). Con carácter xeral é primordial que o agarre non sexa nin excesivamente prensil nin frouxo de máis. Nel deben participar tódolos dedos e o abrazo da palma con apoio na zona hipotenar.
O cóbado é unha articulación ceibe nos humanos. Este concepto convén traballalo ben e moito nas clases de volea alta de revés. Hai verdadeiros armarios de cen quilos de peso e biceps e triceps coma os de Silvester Stallone aos que lles corre a bola catro veces menos que aos alevíns nenos e nenas de trinta e cinco quilos que adestra a equipa de monitores da nosa escola. Sobre todo na volea alta de revés, onde decide a articulación libre do cóbado para describir ben en parábola ben en baixada en plano oblicuo e cortado un golpe no que a aceleración e determinante: trinta e cinco quilos proxectados sobre un resorte que acelera a setenta por hora fronte a cen kilos dos que pendura, como illado do corpo, un brazo que a duras penas obedece ordes.
En definitiva, os bos xestos son a mellor prevención fronte ás lesións.
Finalmente, cumpre lembrar que ás veces non queda outra que parar. Cando nin os antiinflamatorios -con moitos efectos secundarios- nin as vendaxes e ungüentos, nin o fortalecemento dos grupos musculares logran aliviar un cadro xa instalado, hai que mudar por un tempo a orientación da actividade física por ver se é posible evitar a cirurxía, que é o recurso cando os anteriores non o foron dabondo.






© Santiago Casal Quintáns
© Padel Oleiros

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...