martes, 22 de noviembre de 2011

¿FORZA OU CONTROL?

E logo, ¿hai que elixir?, diría algún xogador crendo ser experto.
O certo é que non sempre é doado sacar a bola da pista, por máis que a nosa posición sexa de dominio: voleas baixas, tardanza en subirmos á rede, golpes de execución forzada, situacións nas que chegamos tarde... Só os incautos que queren coller atallos para ser mestres golpean con furia desatada tódalas pelotas que queren aterrar no primeiro terzo do propio campo. Xa non digamos se esas bolas son máis profundas e, a pesares de todo, o noso compañeiro persevera na obsesión do smash permanente.
Mesmo os Lampertis saben que un cambio de velocidade no golpeo da bola é un arma a miúdo máis letal que o bombardeo sistemático. ¡Ai que gustiño dan eses envíos suaves, mellor aínda se son a contrapé, que rematan por morrer alí onde non chega nin a Karcher do Ronald! A ver, ¿somos forza bruta ou intelixencia?. Podemos ter moito do primeiro pero a materia gris é a que nos leva, no menor tempo posible, á mellor elección. Nese intre non teñen lugar nin a vaidade -moitos queren presumir mesmo de virilidade a partir da enerxía dos seus golpes ¡!- nin a improvisación: se algo non che sae adestrando non esperes a facelo en competición. Os experimentos con gaseosa non teñen cabida na hora e media no que cada xesto importa.
Por tanto e para que tódolos que non son aínda mestres diríamos que o primeiro e metela e logo darlle máis forza a medida que conservemos o control sempre e cando a estratexia o demande. En caso contrario, hai que centrarse en mandar a bola suave a terra de ninguén. E logo dar media volta con parsimonia á posición de saque, alleo aos posibles comentarios dos contrarios que só buscan confundirnos cos seus halagos, ou distraernos coas súas blasfemias.
Outro día máis.



martes, 8 de noviembre de 2011

O PÁDEL COMO ESCOLA DE VALORES

O pádel non é só unha actividade deportiva. Aglutina unha serie de valores que o converten nun depósito de ingredientes beneficiosos na vida do practicante:
1)Fomento do contacto social
2)Relativización das “derrotas”.
3)Valoración da superación persoal.
4)Confraternización a partir da conveniencia de pórse no lugar do outro.
5)Agudización do “sexto sentido”: a intuición como suma das experiencias pasadas para mellor analizar o presente.
6)O pádel afina os reflexos: hai que analizar e tomar decisións no menor tempo posible.
7)Condiciona rutinas de vida sana e coidado do corpo para dar o mellor de un mesmo.
8)Favorece a focalización no presente, a atención no “aquí” e “agora”.
9)Fomenta o pensamento positivo, a propiocepción, coa bagaxe de puntos positivos e fraquezas.
10)Incrementa a obxectividade na análise das capacidades de seu.
11)Outorga oportunidades de transformación persoal, superando determinismos e limitacións.
12)Establece elementos de aparente sorpresa que non o son de certo, pois obedecen a un traballo cotián ou á configuración ao longo do tempo dun grao de intelixencia, coordinación, sentido da estética, capacidade e sufrimento, de concentración que axudan a ir de “tapados” a seres humildes capaces de funcionar a unha altura superlativa en momentos chave.
13)Concede liberdade, iguala en oportunidades, illa do entorno, fai humildes aos soberbios e orgullosos aos humildes.
14)Ensina que para medrar no pádel é decisivo ser sensible ao entorno, captar a realidade, percibir que arredor de nós hai vida máis alá e que esa vida é ben heteroxénea, e nós temos moito que interactuar para que o mundo sexa un lugar máis habitable.

Por todo iso e por moito máis O PADEL É UNHA ESCOLA DA VIDA.


 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...