lunes, 26 de diciembre de 2011

A VÍBORA: necesidade de aprendela.

Os xogadores de club en niveis xa intermedios temos a necesidade de inluir no noso catálogo de golpes de ataque a víbora: por dificultar a defensa do contrario e por proporcionar seguridade e control ao noso xogo. No noso caso aínda é máis importante, non só porque temos xogadores aos que se lles atraganta o remate alto, potente, de definición. Tamén porque xogando en exteriores ás veces as condicións climatolóxicas e sobre todo o vento o ás bolas molladas fan que o smash sexa menos definitorio.
Trátase dun golpe pois a medio camiño entre a bandexa e o smash. Cumpre estar vivo de pernas para situarse detrás da bola, xirar a perna dereita ata unha posición retrasada (os zurdos a esda.) para apoiar de saía o peso sobre ela, a pala detrás da cabeza, o brazo dereito en semiextensión -erro frecuente: extensión total- e a man esda. apuntando á bola, flexión pronunciada de pernas e golpeo da bola no punto que marca na esfera do reló as 5, cando baixa, á altura da cabeza y situada ao lado dereito do noso corpo, para dirixila golpeando cun movemento pronunciado cara adiante a dúas paredes ou á parede de fondo, de donde saíra rasa de todo. O corpo, despois do golpeo, desprázase por inercia na dirección da bola e a pala, despois de dar un golpa tan acompañado remata a traxectoria á altura do hombro esdo.

viernes, 23 de diciembre de 2011

CRAVAR A VISTA NA BOLA. Crónica dunha relación de amor

Semella obvio, pero non o é tanto tendo en conta que un 37,3% dos erros non forzados prodúcense por perder de vista a bola no intre de golpeala. Non abonda con vela de esguello ou a vulto. É preciso fixar a mirada para medir ben as distancias e, sobre todo, ter moita conta de axustar o lugar na superficie da pala coa que debemos impactar, o grao de inclinación, a altura, a traxectoria...
Para seguirmos os movementos e os posicionamentos dos contrarios na pista si que é suficiente utilizar a visión periférica, pero para relacionármonos ben coa pelota cumpre mirala aos ollos. Incorporade esta máxima ao voso xogo e experimentaredes, de certo, unha diminución espectacular de erros non forzados.
Miguel Sanmartín aínda vai máis aló na súa relacións coa bola. Cando el esta a facerlle as beiras, a mimala, a acariñala e ela llo agradece, correspóndelle con gabanzas. Mais cando a bola o traizoa, adícalle exabruptos, por dicilo dun xeito elegante. O certo é que todo iso reforza a necesidade do meu amigo de establecer lazos de comprensión entre a bola e as súas propias ferramentas, sabedor de que ela é voluble, lixeira de cascos... de que os seus efectos, intencións, velocidade de achegamento, cambios de dirección, dureza ou suavidade son tan variables como os demais elementos do entorno, e sabedor de que na rapidez e capacidade de lectura de ese entorno como tamén na adaptación repousa a diferencia entre o éxito e o fracaso que se dirime no intre fugaz que é o partido.
A boa nova é que o fracaso é, neste eido, unha noción ben relativa: del sáese con máis coñecementos sobre as debilidades e fortalezas que un mesmo atesoura.


martes, 20 de diciembre de 2011

XOGO DE INTENSIDADES: variacións de ritmos e distancias

Logo de escribir o capítulo sobre EMPUÑADURAS EXTREMAS PARA GOLPES INTENSOS desde o fondo da pista, de dereita e de revés, recibín a chamada de algún compañeiro que relataba como xa estaba poñendo en práctica nuns partidos de ranking o cañoneo con moi bos resultados. E pensei ¿E se o meu artigo lles está a ocasionar un dano irreparable na súa proxección de futuro?. (Ben, non quero dicir que estas modestas reflexións sexan a Biblia pero sempre pode haber algún incauto que nos faga caso de máis. Iso é bo).
A intensidade no golpeo de dereita e de revés é un arma só útil fronte a adversarios de nivel inferior dabondo ao noso. Se non imos sacar a bola fora da cancha nun remate ou a traela á nosa pista, a fortaleza no golpeo é un farol no póker, un recurso que se volve contra nós: dámoslle sempre a opción de atacarnos á saída da parede con grande vantaxe.
Para minar ao contrario a cousa vai de non cometer erros, insistir coas bolas brandas e baixas coas que eles non teñas opción de gañar metros ou atacar. Se vedes partidos de PPTOUR, tendes aí un recital de paciencia deixando bolas ben suaves a morrer nos espazos baleiros unha e outra vez ata que un dos catro xogadores non aguanta o compromiso e levanta un pouco ou a deixa curta de máis, ou forte de máis sen sacala da pista, propiciando unha situación de achegamento e, ao fin, remate do contrario.
En fin, o pádel é música, ritmo interpretado pola unidade corpo-mente flexible, atenta, centrada no presente para anticiparse ao futuro, de acordo cunha sinfonía composta por sons nidios, cadencias acordadas e ocupación intelixente dos espazos, todo obedecendo a un plan estratéxico flexible, susceptible de cambiar para dar respostas ás esixencias do momento.


viernes, 16 de diciembre de 2011

Empuñaduras de dereita e revés

TÉCNICA

Golpes de fondo, de ataque

Nos golpes lonxe da rede, de dereita e revés, coa intención de imprimirlles dirección, control e potencia para manter o rival á raia, pór a proba a súa dixestión da velocidade de bola e, en definitiva, facilitar a nosa conquista de metros ate posicións de volea e remate.
En ambos casos hai unha empuñadura común de partida: a continental, que nos facilita un armado rápido e suxeición firme dende niveis de aprendizaxe.
Mais na transición á excelencia debemos dominar empuñaduras máis extremas: ESTE DE DEREITA E REVÉS -o oeste sería demasiado forzado e provocaría que os nosos tiros foran contra a rede-.
Con empuñadura este conseguiremos aínda meirandes aceleracións e sobre todo que a bola bote pouco e corra máis. Para executar ben estes golpes é importante dramatizar máis a flexión das pernas, que a articulación do cóbado sexa máis libre e estar moi atentos á nosa dominancia visual para evitar golpear a bola a unha distancia non axeitada. Tamén é importante rematar ben o golpe, con traxectoria ascendente pero tendo conta no momento do impacto de pechar uns graos para frotar a bola mínimamente, nun efecto de falso liftado, ate axustar altura e profundidade.
No noso club podemos, con lixeiras variantes, sinalar unha execución sobresaínte de estes dous golpes nos seguintes xogadores:

Golpe de revés: Pablo López, Santi Casal, Belén Argüelles, Carolina.
Golpe de dereita: Ronald Álvarez, Miguel Sanmartín, Betty Romera, Jorge Couceiro, Manu Edreira.

Non é casual esta elección. Para a execución de golpes que requiren variantes nas empuñaduras é obvia a vantaxe de telas aprendido coa raqueta longa, onde a distancia da bola respecto da man multiplica as variantes e as necesidades de adaptar o golpeo a un habano de situacións nun espazo moi amplo.

(Iremos vendo detalles máis adiante).


viernes, 9 de diciembre de 2011

AS LESIÓNS MÁIS FRECUENTES

ROTURA DE FIBRAS NOS XAMELGOS

a) Situacións: posta en acción, arrancadas violentas, saltos en vertical, saídas de parede.

b) Factores facilitadores: peso elevado, falta de tensión, quencemento insuficiente, xesto mal acompañado por toda a biomecánica, fibra moi estriada.

c) Prevención: estiramentos, quencemento, vendaxe funcional compresivo de polímero, pomada quente, plantilla de Mueller con efecto de descarga e facilitadora da posta en acción, dieta rica en magnesio.


TENDINITE ROTULIANA

a) Situacións: flexión pronunciada e reiterada de pernas, multisaltos en vertical e en profundidade.

b) Factores facilitadores: sobreuso, sobrecarga, exceso de horas de pista, actividade sobre chan duro, calzado inadecuado: duro, gastado, de perfil contrario ao tipo de pisada. Exceso de peso, roupa de abrigo que non dea soltura ao nivel do cuadriceps, rótula e inserción tibial.

c) Prevención: zapatilla con boa amortiguación e indicada para o tipo de pisada , fortalecemento do cuadriceps, cinta rotuliana.


Literatura: respecto das zapatillas teño visto a xogadores/as que engaden a un calzado que dispón de boa amortiguación unhas plantillas mitigadoras dos impactos, tipo Sorbotone. Dende o meu punto de vista baseado na experiencia, é contraproducente: os músculos e os tendóns, tódalas insercións nas articulacións precisan desenvolver a aprendizaxe de reacción fronte aos impactos e liberar, de volta, a enerxía recibida. Con un exceso de acolchamento ese aprendizaxe e esa reacción natural non se producen e increméntase a indefensión fronte ao caso de experimentar puntualmente impactos maiores dos habituais.
Na meirande parte dos casos é a xenética a que predetermina o desenvolvemento, cos anos, das tendinopatías rotulianas. Aquí cumpre referírmonos ao Osgood Slatter desatendido en fases de crecemento: a inserción da tibia na patela rotuliana rexistra microfragmentacións óseas que, aínda sendo reabsorbidas polos tecidos brandos co tempo derivan en calcificacións que fan perder a elasticidade do tendón. As veces compensa un peiteado cirúrxico a ese nivel.
En próximos capítulos falaremos de outras lesións tamén frecuentes e inhabilitadoras en maior ou menor grao: fascite plantar, espolón, rotura de tendón de Aquiles e roturas parciais ou totais de menisco e ligamento lateral ou cruzado.

Caso aparte pola súa especificidade respecto do mundo da raqueta, a pala e os paos de golf é o da tan común TENDINITE a nivel de OMBREIRA, CÓBADO E PULSO.
Aquí xoga un papel ben primordial o aspecto da ortodoxia técnica. O revés e o remate (e o saque no tenis) executados de xeito pouco natural favorecen a exacerbación da lesión a nivel de Cóbado e ombreira, se ben a saída do tendón dos soportes de graxa na ombreira ten máis que ver co remate alto mentres a epicondilite de cóbado está máis relacionada co revés. O pulso perdoa pouco tódolos golpes sucios e tamén a violencia da dereita contra bolas sen presión, ou molladas... os restos de revés forzado, as ferramentas en mal estado (palas rotas, cordas con moita tensión...). Con carácter xeral é primordial que o agarre non sexa nin excesivamente prensil nin frouxo de máis. Nel deben participar tódolos dedos e o abrazo da palma con apoio na zona hipotenar.
O cóbado é unha articulación ceibe nos humanos. Este concepto convén traballalo ben e moito nas clases de volea alta de revés. Hai verdadeiros armarios de cen quilos de peso e biceps e triceps coma os de Silvester Stallone aos que lles corre a bola catro veces menos que aos alevíns nenos e nenas de trinta e cinco quilos que adestra a equipa de monitores da nosa escola. Sobre todo na volea alta de revés, onde decide a articulación libre do cóbado para describir ben en parábola ben en baixada en plano oblicuo e cortado un golpe no que a aceleración e determinante: trinta e cinco quilos proxectados sobre un resorte que acelera a setenta por hora fronte a cen kilos dos que pendura, como illado do corpo, un brazo que a duras penas obedece ordes.
En definitiva, os bos xestos son a mellor prevención fronte ás lesións.
Finalmente, cumpre lembrar que ás veces non queda outra que parar. Cando nin os antiinflamatorios -con moitos efectos secundarios- nin as vendaxes e ungüentos, nin o fortalecemento dos grupos musculares logran aliviar un cadro xa instalado, hai que mudar por un tempo a orientación da actividade física por ver se é posible evitar a cirurxía, que é o recurso cando os anteriores non o foron dabondo.






© Santiago Casal Quintáns
© Padel Oleiros

jueves, 1 de diciembre de 2011

PADEL E CRISE

Se a situación económica e moi grave a cousa pasa por practicar actividades custe 0: camiñar, correr, facer ioga, meditación transcendental ou andar a piñas cos colegas.
Mais se a cousa vai de recortes suaves a práctica do pádel non ten por que ser onerosa. Cumpre non deixarse levar por ditados interesados de marcas e clubs de elite e ter unha conciencia clara de que o que nos atrae é xogar deixando outros argumentos para a elección de cada que despois do paso pola pista.
Quero dicir: non toleemos. Hai palas caralludas, modelo ano anterior, por cincuenta ou sesenta euros. A roupa non se gasta apenas, por non haber contacto co contrario. As zapatillas duran máis que en calquera outra práctica, por mor da brandura da superficie. Unhas moi boas zapatillas de cincuenta euros veñen a durar máis de un ano xogando tres veces por semana en sesións de dúas horas. E respecto das pelotas... aquí si que me custa gardar a compostura. A televisión e os torneos fan estragos, pois contaxian unha actitude, mimética, de andar a abrir un bote novo decote. ¿Como é iso? Coa presión que teñen unhas pelotas ben elixidas -aquí o barato e caro- temos subministro para tres sesións polo menos, sobre todo cando xogamos pachangas con menos tensión.
Logo está a elección de club: ¡¡¡¡¡se xogamos máis de 60 horas ao ano xa nos está compensando abonarnos a un club e coa cota xogar centos!!!! Iso individualmente, porque se somos familia o de xogar alugando horas tódolos membros sairía por un ollo da cara.
Por último está o gasto derivado das lesións en pomadas, fisio e xénero protésico. Todo por unha mala praxe: é importante intercalar os días de pista con outros de preparación física de base: interval training, fartlek, carreira continua, ximnasia activa ou pasiva, ioga, alongamentos, potenciación muscular... pero, sobre todo, mellora da resistencia orgánica. Un bo grado de osixenación fará que tomemos as decisións dentro da pista máis axiña e tamén que poidamos asumir que ir a tres sets non é unha condena a morte.



 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...