domingo, 1 de abril de 2012

GALEGOS

OS GALEGOS E O FEÍSMO

Os galegos senten unha atracción natural pola chapuza que, unida a un certo grao de síndrome de Dióxenes, os conduce a deixar pegadas de intervencións contra natura en eiras, espazos públicos, mobiliarios, vivendas, instalacións industriais, granxas, cortellos e estruturas endosadas que fan máis levadeira e persoal a súa existencia.
Moitos galegos non receban o exterior das súas casas e moito menos as pintan, meten aos cans nunha cociña bilbaína en desuso, constrúen alpendres, garaxes e chabolas cunha árbore no medio plantada no seu dia polo avó, poñen sofás vellos e cortinas nas marquesiñas, “stores” e persianas nos hórreos, utilizan tapas dos retretes para indicar os límites de velocidade na rede viaria, un forno de cociña fai as veces de caixa de correos e unha bañeira de bebedeiro. Mesmo son quen de colocar un avance en aluminio e cristal para endosar á igrexa románica do Século XII, recebada con morteiro. Neveiras, tubos de saneamento ou uralitas serven de sostén aos pastores que manteñen ó gando dentro das lindes do prado. Nas fontes e lavadoiros empálmanse cachos de mangueira para conducir o auga.
Na eira galega conviven os vestixios de décadas de actividade humana: restos de materiais de construción empregados en sucesivas ampliacións e reformas da vivenda, neumáticos vellos, pedazos de colmeas, mangos encouzados de fouces, gadañas e galletas, pedras de afiar, cepos, olas e potes, con buracos, que serven de macetas e son refuxio de bichos rastreiros... somieres e colchóns vellos, bañeiras, cables, regadeiras, tellas e lousas, botas de goma usadas algún día para parchear as lonas, unha randeeira con ferruxe, cadeiras sen unha pata, lámpadas sen un brazo e repostos para un coche e un tractor que xa non existen. Estamos diante do corazón e o testemuño da potencia fabril da familia. A pegada da súa actividade vital é elemento de sosego para un grupo que en calquera momento pode precisar subministración dese almacén que xustifica aínda máis o esforzo cotián.
O galego séntese máis seguro sabendo que na horta ou no faiado dispón dun valor engadido para a supervivencia en situacións adversas. Nin o refuxio atómico da Casa Branca, en Washington, dispón de semellante variedade de recursos para as continxencias máis diversas.
As eiras expostas sen recato mesmo no centro das vilas son un elemento máis de feísmo e, ao mesmo tempo, de adscrición a unha facción da clase media diferenciada da burguesía aloxada en chalés rodeados de xardín ornamental . Son un sinal distintivo de que na vivenda habita un obreiro , un home traballador e autosuficiente que non precisa contratar os servizos de ninguén para manter as condicións das instalacións domésticas. Porque todo galego que presuma de selo aglutina coñecementos e habilidades en tódalas artes manuais: fontanería, electricidade, ebanistería, mecánica, pintura, albanelería, xardinería... Os galegos das aldeas e vilas non gastan un peso en contrataren servizos de asistencia e mantemento domésticos. Moitos foron mesmo quen de construíren as súas casas a golpe de fins de semana coa axuda eventual dalgún amigo. A masa e a paleta non gardan segredos para os fillos de Breogán . Escudriñar na importancia que para eles ten a autosuficiencia e unha chave para mellor comprendelos.

(Fragmento do libro "Galegos", por Santi Casal.


DISPOÑIBLE NA ESCOLA. PODES PEDIRLLELO A RONALD


 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...