domingo, 25 de junio de 2017

NON HAI CLASES SOCIAIS

Cando se trata de desenvolver bós golpes na pista de 10 x 20 a pertenza a un status socioeconómico determinado é irrelevante. Calquera tipo etiquetado como pailaroco, cunha indumentaria pouco conxuntada e con ademáns bastos pode executar unha volea de revés impecable se antes aprendeu a facelo. Afortunadamente a práctica do pádel está ao alcance de calquera actualmente, coa posta a disposición de pistas municipais en moitos concellos, e o concurso dunha boa cantidade de instrutores e monitores impartindo clases subvencionadas. Iso sen contar coa cultura da autosuficiencia, tan asociada a este deporte.
Desapareceron os petiscos de empanada que con tanta xenerosidade o patrocinador do torneo puxera a disposición dos xogadores aproveitando que estes estaban na pista. As damiselas do Bridge esqueceron a compostura e achegáronse para arrasar con todo diante da mirada entre atónita e resignada dos encargados das billas da cervexa. O espectáculo repítese nun club ferrolán, onde unha norma non escrita prohibe pasar do mecachis, o caramba e o jolines no repertorio de exabruptos ao uso. Os familiares dos xogadores do club, vestidos con roupa de marca, atacan as empanadillas e as cocretas coma se non houbese mañá. O terceiro tempo parece deseñado para eles e non para os xogadores do encontro
Lembro unha ocasión en que fomos a xogar os pailáns ao club máis elitista de Galicia. Para ser socio ademais de dispor de 6000 euros para a entrada, é preciso cumprir outros requisitos que  fagan ao candidato merecedor á titoría dun membro veterano. O partido resolveuse ao noso favor porque non entrara nas previsións daquel grupo de suposta elite a loita, o traballo por riba das 140 pulsacións e a expectativa de que aquilo duraría moito. Ao fin, ningunearon o resultado dicindo que non se xogaban nada. Coma se nós necesitáramos explicacións por gañar!
É un gran valor do deporte o premio ao tesón e a nula importancia do apelido, o sangue, o status ou a ideoloxía cando do que se trata é de aplicarse con humildade e traballo

                                            © imagen: padelworldpress.es 
                       (Lamberti, exemplo -para os cheíñas- de humildade e trabalho nun crack)


© entrada: Santi Casal, 2017


No hay comentarios:

Publicar un comentario

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...