jueves, 2 de agosto de 2012

A vigorexia e incompatible coa vida sa e coa competición

Importancia da preparación xenérica de base

A competición interclubes e o calendario de torneos de pádel conceden aos meses de Setembro a Decembro -un inverno adiantado- unha importancia decisiva no que atinxe a mellorar a resistencia e, fundamentalmente no segundo bimestre, a forza e a aceleración, a potencia.
Os adestradores de Atletismo sabemos que sin facer un bó inverno non é posible competir logo ben. A resistencia mellorámola con traballo aeróbico, carreira continua, e tamén con débeda de osíxeno: interválico, costas, fsrtlek -xogo de ritmos e distancias-, series intensas con recuperación completa ou ben de intensidade algo menor mais con recuperación incompleta entre serie e serie.
Dúas veces á semana introducimos circuitos no ximnasio, con series isométricas, ximnasia pasiva, pesas -cargas pequenas e moitas repeticións a ritmos altos-. A natación non é moi complementaria. Mellor nadar con pouca intensidade, sobre todo a espalda, para aderezar a columna, e se é no mar aínda mellor polas moitas virtudes da talasoterapia.
Trátase sobre todo de atopar un peso equilibrado, unha tonicidade e unha condición óptimas para que a posta en acción sexa rápida, natural e favorecida por unha mecánica que non atope lastres na anatomía.
Hai pouco asistín a unhas semifinais dun torneo importante. A parella que ao fin gañaría non sumaba máis de 130 quilos. A aceleración do brazo, en aparencia un tendón groso coa carne xusta, e as pronacións do antebrazo e do pulso bastaban para sacar con facilidade a bola por catro e por tres, sen esforzos agónicos.
Enfronte, dous mastodontes hipertrofiados laiábanse de que a bola non andaba. E, como ía andar se para mover aquelas estruturas facían falta poleas!Só sacaban partido de finalizacións a carón da rede. Para o resto do xogo e para os remates algo máis lonxe era evidente a penalización que supoñía ter traballado o conceto de forza baseado só no volume de masa muscular e non na explosión e na subida do umbral a partires do cal se acumulan lactatos. O partido rematou prematuramente por unha rotura fibrilar nun xamelgo que xa se queixara ao remate do primeiro set. Por tanto, carreira continua, fartlek e prudencia no ximnasio: a meirande parte das veces abonda con traballar contra a resistencia do peso do noso propio corpo. A vigorexia e incompatible cunha vida sa e xa non digamos co rendemento competitivo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

 ¡ Deportes para ricos!   O outro día espétame un compañeiro da Facultade ao que non vía dende hai corenta anos: ¡Carallo, meu, así que agor...